lunes, 1 de octubre de 2012

#25s


O 25 de Setembro de 2012, coñecido como 25s, foi unha xornada sinalada no calendario indignado para empredender protestas contra a clase política nacional, os recortes en servicios públicos, a demolición de dereitos sociais e para sinalar o descontento de moitos cidadáns contra os representantes políticos que gobernan de cara ás grandes elites financieras internacionais e europeas en contra dos intereses dos votantes que os auparon aos seus cargos. O 25s naceu nos meses de xuño e xullo baixo o nome Ocupa en Congreso. Aínda que posteriormente o movemento denominouse Rodea el Congreso, vistas as suspicacias suscitadas e o utópico do obxectivo primeiro.

Durante as protestas, milleiros de persoas, segundo datos oficiais 6000 (cifra que levantao agrias polémicas e cuxa veracidade quedou en entredito); concentráronse en lugares da cidade de Madrid coma na Praza de Néptuno, Atocha ou a Carreira de San Jerónimo, avenida no que se sitúa o Congreso dos Deputados. O perfil do manifestante era fundamentalmente xoven, con estudos, escasas oportunidades laborais e afectados polas eufemísticas políticas de axuste. Pero tamén atopouse un gran número de funcionarios de sanidade e educación, pensionistas e cidadáns que sinxelamente están profundamente descontentos coa coxuntura actual. Dentro da manifestación, é importante sinalar que agocháronse grupos radicais cercanos a movementos revolucionarios e rexeitados de plano pola organización do 25s e os grupos 15M e Democracia Real Ya!. Como atestiguan imaxes que circulan pola Rede, membros da marcha tentaron con éxito parcial desvincularse deste tipo de grupos, obxectivo que conseguiron nun principio ata que lograron encabezar a manifestación e provocar o primeira carga do corpo policial de antidisturbios.

A Policía, guiada polas ordes da Delegación do Goberno da Comunidade de Madrid, desplegou un dispositivo de 1600 axentes para custodiar o Congreso. Descoñécese ata o momento o gasto do operativo, pero algunhas fontes, como Ignacio Escolar (director do dixital eldiario.es e simpatizante do movemento) falaron dun gasto en dietas que ascendía aos 20000 euros. O Corpo Nacional de Policía teceu unha rede de rexistros nas entradas a Madrid para comprobar nos autobuses que se dirixían á manifestación a non presenza de armas ou elementos que pudiesen afectar á seguridade. Estes rexistros leváronse a cabo cunha serie de comportamentos difícilmente explicables se temos en conta que se trataban de persoas non fichadas, sen historial delictivo e algunhas de elevada idade. Os axentes antidisturbios realizaron unha primeira e contundente carga despois de que un grupo radical de encapuchados amosase unha actitude máis que desafiante contra as forzas de orde. Os organizadores quixeron nun desesperado último intento que este colectivo abandonase a zona, posto que perxudicaba enormemente á imaxe do 25s (e así foi, véxase a portada do diario LA RAZÓN o 26s no que se amosa a un radical exercendo violencia urbana).
 Non ocorreu tal e desatouse unha auténtica batalla campal no que os antidisturbios saltáronse frecuentemente a prohibición de agredir por riba da cintura. Decenas de axentes exerceron unha forza desmesurada contra manifestantes que mantiñan unha actidude pasiva e totalmente alonxada do espirito vandálico da minoría radical. Houbo moitos feridos, algúns de gravidade e detidos acusados de delitos contra a nación. Viaxeiros da estación de Atocha, personas axenas ao 25s, periodistas e reporteiros foron tamén vítimas dunha actuación policial exenta da pulcritude que se esixe neste tipo de situacións.

A clase política engadiu ruido nas xornadas previas. As forzas conservadoras atacaron ao 25s calificandoo de golpismo e facendo comparacións co 23F (é o caso das declaración da secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal). Dende a esquerda existiron apoios graduais que pasaban de tolerar a simpatizar. Durante o pleno dese día 25, debatíronse propostas como a baixada de salarios de cargos públicos que foi rexeitada polas frozas políticas maioritarias. Cayo Lara, coordinador xeral de IU abandonou o Congreso para contactar coa organización do movemento e intercambiar posturas. Miguel Ángel Aguilar, xornalista da Cadena SER  e EL PAÍS ademais de prestixioso columnista e simpatizante progresista, foi presumiblemente confudido cun deputado e recibiu insultos do tipo “ojalá te zumbe un tiro la ETA”.

A información recibida mentres todavía se estaba a dar a concentración chegou principalmente dende os diarios dixitais, en constante actualización durante a xornada e polos comentarios achegados á rede social Twitter por persoas (moitos xornalistas) posicionadas en diferentes perspectivas. Ao día seguinte, os rotativos nacionais fixeron un tratamento informativo dispar dos acontecementos, cada un, segundo a súa liña editorial; pero nalgúns casos con pezas informativas de dubidosa rigorosidade e a presenza de feitos sesgados dende ámbalas posturas. Como adoita ser habitual, a sociedade da información actual tende a banalizar o trascendente e engrandece o trivial. En seguida xurdiron anécdotas e sucesos aislados que malia que axudaron a comprender o bochornoso de determinadas situacións, non beneficiaron a profundizar no importante momento que está a atravesar o país e a gravidade da contestación social existente.

En definitiva, quedou patente que existe un número moi importante de cidadáns hastiados da clase política e dispostos á protesta. Existen certas incógnitas arredore desta realidade, como a estrutura organizativa do movemento indignado, a carencia dunha portavocía ou cara visible ou a tendencia ideolóxica que toman estas manifestacións. As queixas van tamén contra un goberno que carga coa presión dunha Unión Europea xermanizada e sempre baixo a lupa dos mercados financieiros. Por iso, tamén e importante saber se de agora en diante existirán accións contra empresas financieiras ou institucións supranacionais. Parece claro que os altos políticos están lonxe de facer un xiro copernicano e acercarse máis á rúa. Nembargantes, o exercicio pacífico do dereito de manifestación conseguiu históricamente grandes logros sociais que a día de hoxe desfrutamos. Está no aire unha reforma profunda da Constitución, un cambio no modelo de Estado e na forma de réxime, a participación máis democrática do pobo e un cambio para un modelo económico máis moral. Aínda que por desgraza, no inconsciente xorde a palabra a utopía cando falamos desta sorte de refromas. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario